Encontro do Club de Lectura Feminista Carmen Loriga Tomé Con Bea Lema
O Equipo de Igualdade do CIFP Ánxel Casal – Monte Alto organizou recentemente un novo encontro do Club de Lectura Feminista Carmen Loriga Tomé, unha iniciativa que continúa consolidándose como espazo de reflexión, diálogo e aprendizaxe compartida arredor da lectura de libros con perspectiva de xénero.
Nesta ocasión, a actividade xirou arredor da obra O corpo de cristo, da autora de Monte Alto Bea Lema, quen facilitou o encontro. A sesión converteuse nunha experiencia especialmente enriquecedora ao contar coa súa presenza, permitindo ás persoas asistentes afondar nas claves da obra desde unha perspectiva íntima e directa, facéndoo dende a creación e a expresión do bordado por parte das persoas asistentes.
Durante o encontro púxose en común a lectura do libro, abordando cuestións como a saúde mental, os rituais culturais, os silencios familiares e as violencias simbólicas que atravesan os corpos e as vidas das mulleres. A conversa desenvolveuse nun ambiente próximo e participativo, no que o alumnado e o profesorado compartiron impresións, emocións e reflexións xeradas pola lectura.
Agradecemos á Biblioteca da Deputación da Coruña o préstamo dos exemplares e o apoio e colaboración co club de lectura.