O CIFP Ánxel Casal acolle a representación da obra Bravas con motivo do 8M

 O CIFP Ánxel Casal-Monte Alto contou hoxe cunha actividade cultural e de sensibilización a través da representación da obra de teatro Bravas, da actriz e creadora galega Isabel Risco.

A función organizada polo Equipo de Igualdade, tivo lugar nas instalacións do centro e contou coa participación do alumnado e profesorado, que puideron gozar dunha proposta escénica que combina humor, reflexión e crítica social arredor do papel das mulleres na sociedade. A obra pon en valor a forza, a memoria e a loita das mulleres galegas ao longo da historia, convidando ao público a reflexionar sobre a igualdade e os retos que aínda quedan por acadar.
Durante a xornada tamén estivo activo un Punto Violeta, un espazo de información, sensibilización e apoio fronte ás violencias machistas. Este punto foi xestionado por alumnas voluntarias do Equipo de Igualdade, que ofreceron información e contribuíron a crear un ambiente de respecto, convivencia e compromiso coa igualdade.