I Feira da Educación, Formación e Emprego da Coruña
O pasado 15 de maio tivo lugar no espazo de ExpoCoruña a I Feira da Educación, Formación e Emprego da Coruña. Contou coa presenza do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, xunto co director xeral da Cámara de Comercio da Coruña, Manuel Galdo, entre outras autoridades.
O evento, reuníu unha trintena de centros educativos que deron a coñecer a súa oferta formativa e os seus proxectos innovadores. Entre eles non podía faltar o noso centro, CIFP Ánxel Casal-Monte Alto que participou activamente, amosando a nosa oferta educativa de forma moi visual, cun stand no que podían informarse e participar nas actividades levadas a cabo polo alumnado das nosas familias profesionais, os case 3.500 alumnos/as que asistiron á Feira.
Tamén estivo presente o noso viveiro de empresas, sendo a Feira unha xanela onde dar a coñecer o viveiro, as súas funcións, as actividades que levan a cabo e deste modo atraer a novos emprendedores e animalos a dar o salto coa súa idea de negocio. Asemade aproveitouse a concentración de centros para presentar o viveiro aos docentes e equipos directivos dos mesmos e invitalos a colaborar connosco os próximo cursos.
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, lembrou que a Xunta ten en marcha o Plan FPGal 360 de orientación profesional integral, “unha estratexia para favorecer o desenvolvemento das vocacións dos máis novos ao tempo que se atalla o abandono escolar”. “Esta feira é unha oportunidade única para dar a coñecer ao alumnado todas as potencialidades a nivel formación e empregabilidade que ten a FP galega”, destacou o conselleiro.
