COLOQUIO CO COLECTIVO FEMINISTA BOLIVIANO MUJERES CREANDO
O pasado 6 de novembro, o alumnado de 1º e 2º do ciclo de Integración Social participou nunha charla-coloquio con Raiza Zeballos, psicóloga da Oficina de Mujeres en Busca de Justicia, un servizo que ofrece apoio e acompañamento a mulleres que sofren violencias machistas e que nace da man do colectivo feminista boliviano Mujeres Creando.
Mujeres Creando é un dos colectivos feministas máis recoñecidos de América Latina, tanto polo seu traballo directo con mulleres que sofren diferentes formas de violencia (sexual, económica, laboral…) como pola súa acción política e social para combater estas violencias e transformar as estruturas que as sosteñen.
Durante o encontro, o alumnado tivo a oportunidade de achegarse a unha problemática global, a violencia contra as mulleres, desde unha realidade social e cultural diferente á nosa. Falamos de feminismo simbólico e feminismo concreto, da importancia da acción colectiva e de distintas formas de intervir que sitúan no centro as mulleres que sofren violencia, as súas necesidades e as súas demandas.
Estamos seguras de que a paixón e a forza coa que Raiza compartiu a experiencia e o traballo de Mujeres Creando non deixaron indiferente ao alumnado. Escoitar outras experiencias, coñecer outras formas de loita e intervención e cuestionar as nosas propias maneiras de facer é tamén unha forma de aprender e de construír unha mirada máis crítica e comprometida coa transformación social.
Moitas grazas a Solidariedade Internacional de Galicia e a Mujeres Creando por facernos posible esta experiencia!