O CIFP Ánxel Casal súmase ao proxecto “Da barraca á aula” da Asociación Cultural Morreu o Demo!

O CIFP Ánxel Casal súmase como centro participante ao proxecto “Da barraca á aula” da Asociación Cultural Morreu o Demo, unha entidade que traballa activamente pola recuperación, coñecemento e divulgación do títere tradicional galego.

Neste marco, gustaríanos convidarvos a participar nunha actividade moi especial arredor da figura de Barriga Verde, todo un referente do teatro de monicreques tradicional.

Do 20 ao 27 de abril, a Biblioteca Carmen Loriga Tomé acollerá a exposición “Onde foi Barriga Verde?”, unha proposta que convida á reflexión sobre a perda de patrimonio inmaterial e o progresivo esquecemento desta figura nas últimas décadas.

Así mesmo, o día 21 de abril ás 16:00 h terá lugar o videofórum do documental “Morreu o demo, acabou­se a peseta”, unha excelente oportunidade para coñecer o proceso de recuperación da barraca de Barriga Verde e afondar na tradición do títere de luva, tanto no contexto galego como europeo.

Agardamos que esta actividade sexa do voso interese e que poidades acompañarnos para redescubrir e poñer en valor esta parte tan significativa da nosa cultura.

O profesorado interesado poderá inscribirse co seu grupo na sala de profesorado ao longo desta semana.